Monday 29 de April de 2024

O desfile dos xenerais da Ulla en Fonte Díaz (Touro) o próximo xoves, 5 de marzo, pecha a programación do entroido na comarca da Ulla do 2020


O Concello de Touro pechará a programación dos xenerais da Ulla do 2020. Será o próximo xoves, 5 de marzo de 2020, en Fonte Díaz. A capital do Concello de Touro acollerá a súa tradicional feira do día 5, que neste tempo do carnaval, é a Feira do Entroido. Este ano é a última cita co entroido da comarca da Ulla e tamén en Touro, tras a celebración no Concello do domingo de Corredor en Bama e do martes de entroido en Fao. Nestas duas parroquias os xenerais foron os protagonistas, que se xuntarán de novo no desfile do 5 de marzo en Fonte Díaz.
O día da Feira do Entroido, o próximo 5 de marzo, os xenerais da Ulla de Bama e Fao teñen previsto xuntarse ás 12.00 horas diante da sede do Concello de Touro. Alí prepararánse para o desfile. Vestirán os seus vistosos e coloridos traxes de xenerais napoleónicos e sairán a cabalo cara Fonte Díaz. Lucirán tamén os seus sombreiros con plumas coloridas. Tamén participarán outros protagonistas do entroido de Touro, como o vello dos cornos. E estarán o nenos e nenas do Colexio de Fonte Díaz e do Punto de Atención á Infancia, que se disfrazarán para a ocasión. O desfile percorrerá ás rúas de Fonte Díaz, onde se celebra a feira. En diversos puntos da capital de Touro pararán e lanzarán os seus ‘vivas’. Tamén haberá o atranque ou enfrontamento dialéctico entre os xenerais a través da que se expón a situación política do momento ou feitos de interés para os veciños. Os visitantes poderán degustar productos típicos do entroido nun posto situado diante da sede do Concello de Touro. A música nas rúas de Fonte Díaz estará a cargo da Charanga os atrevidos.